Tres días de concerto, un barco, unha illa e un cartel secreto. O festival Sinsal celebra este ano unha nova edición, a máis esencial de todas xa que incide máis ca nunca na natureza. Coma sempre, o cartel deste evento é secreto pero o que está claro é que mesturará a música de vanguardia e de raíz, con sonoridades modernas e propostas contemporáneas. Xunto coa música, o máis importante neste festival é a paisaxe. No corazón da Ría de Vigo, en plena Illa de San Simón, terán lugar un ano máis todos os concertos. Un enclave singular, fonte de inspiración da lírica medieval, lazareto no século XIX e campo de concentración na guerra civil. En definitiva, un evento único no que estará presente o Festigaliando para descubrir todos os momentos máxicos deste incrible festival.