San Martiño é un dos santos máis populares de Galicia. É o patrón de máis de 200 parroquias, así que para moitos estes son días de procesións e de festa. Pero tamén son días de magostos e está próximo o tempo das matanzas. Viño novo, castañas, carne de porco... Chegan días de fartura e, con moito humor, a TVG mirará hoxe cara atrás para comprobar como mudou a sociedade e os costumes co programa especial ‘A todos nos chega o San Martiño’, que xirará arredor dunha das celebracións máis tradicionais de Galicia. Os espectadores poderán ver imaxes curiosas, como a primeira matanza gravada pola Televisión de Galicia, entrevistas a matachíns e o seguimento ao longo dos anos dun castañeiro de Santiago. A música tamén será protagonista en ‘A todos nos chega o San Martiño’, co ‘Galicia Caníbal’, dos Resentidos, en que hai referencias á matanza, e un tema sobre as castañas que popularizaron Os Diplomáticos de Monte Alto.