O grupo A Roda, convertido xa nun clásico da historia da música galega por popularizar temas tan coñecidos como “Pousa Pousa”, “O andar miudiño” e “O Gato”, verdadeiros himnos da música de taberna e emblemas da música popular. Non hai moitos grupos musicais, e aínda menos en Galicia, que poidan dicir que levan máis de 40 anos subidos a un escenario e publicando discos. Pero hoxe a TVG ten o privilexio de falar dun grupo que cumpre eses requisitos. Eles fixeron no 2016 catro décadas poñendo a banda sonora das tabernas, dos furanchos e de moitas reunións familiares ou de amigos en que hai un galego.  “A Noite da Roda” fará unha viaxe pola longa traxectoria dun grupo fundamental na música galega. Os espectadores verán as súas orixes, no Vigo obreiro de finais dos 70, e a súa evolución ao longo de máis dunha ducia de discos.