Non hai nada tan galego coma o churrasco, o lacón ou o botelo. Con todo, desde hai xa uns anos existen uns traidores ás súas raíces que se negan a comer estes manxares da nosa terra: fanse chamar veganos. Se a isto lle sumamos a práctica do ioga, o tai-chi ou as meditacións budistas, atopámonos cun novo tipo de galego: o iogui. Neste capítulo, o décimo de Ecce Perdomo, descubriremos chaquetas feitas de plástico reciclado, esponxas feitas de cogombro e callos feitos... sen callos? O que hai que ver! Para transformarse en Iogui, o actor David Perdomo aprenderá a cociñar un menú macrobiótico (sexa o que sexa iso), descubrirá os segredos da moda sustentable, tratará de non romper o lombo realizando posturas imposibles de ioga, e visitará a un auténtico mestre do gong e dos cuncos tibetanos; un home que transmite paz e amor e que lle ensinará a comunicarse coa natureza: os animais, as árbores e os telespectadores.