Na vila de “Augasquentes” non hai un día de tranquilidade. A Frotis, un dos locais máis queridos e concorridos pola xente da vila, corre perigo de pechar para sempre. Todo empeza cun fortuíto incendio por causa dun churrasco e dunha denuncia teoricamente anónima, que lle virá moi ben a alguén. Mentres os veciños se preocupan polo peche do mesón/discoteca e se manifestan para impedilo, dúas persoas parecen alleas ao problema: Ana e mais Consuelo. Non é só que, agora, ademais de primas sexan amigas, senón que hai algo que as une: o amor. Por un lado, Ana parece decidida a emprender unha relación con Xoel, aínda que sempre que intentan estar xuntos hai algo que o impide. Polo outro, a Consuelo, despois de tantos anos de viúva, parece que a ronda un pretendente. Que lle espera ao conquistador? Unha de cal e outra de area. Mentres, Brais recibe unha carta que o preocupa e que o levará a argallar toda unha trama para que Telmo o peche no calabozo.