A celebración da Semana da Tortilla, unha das citas gastronómicas con maior afluencia das Mariñas, será o pretexto perfecto para que o equipo de “Aquí Galicia” se achegue hoxe á localidade de Betanzos e coñeza tamén as súas xentes e as riquezas da súa contorna. Desde a praza irmáns García Naveira, o espazo que presentan Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña realizará un percorrido polos espazos naturais do concello e polos tesouros turísticos da súa zona monumental e histórica, declarada conxunto de interese; coñecerá a súa variada oferta de establecementos hostaleiros, e aproveitará para acompañar os betanceiros polas rúas da localidade, todo un verdadeiro paraíso para os amantes do tapeo e dos viños.