Con motivo da XVI Festa do Percebe de Cedeira, “Aquí Galicia” desprázase a esta vila mariñeira, coñecida polos seus cantís de máis de 600 metros de altura. Durante a fin de semana pódense degustar percebes a prezos populares, xunto con outros deliciosos produtos da localidade, como polbo ou empanada. O equipo do programa lévanos a facer un percorrido pola comarca: Santo André de Teixido, a Serra da Capelada, o castelo da Concepción, a igrexa da Nosa Señora do Mar e a capela de San Antonio de Cordeiro, ademais das praias e cantís. A música vén da man da orquestra Superfama, do cantante Sito Sedes, de Antonio Barros, flamante gañador esta temporada do concurso “Recantos” de “Luar”, da Rondalla de Cedeira e das pandeireteiras da Asociación Cultural Aturuxeiras. O programa tamén conta cunha exhibición de bailes de salón a cargo da parella formada por Fernando e Icía.