A guerra aberta na voda entre os dous bandos deixou a Santos, Peixe, Abel e Emilia en clara desvantaxe. Desesperados por saír con vida do restaurante, Santos non ten máis remedio que tragar a súa carraxe contra Antonia e propoñerlle un pacto: el pódea axudar a converterse na líder do clan se traizoa o seu xefe e lles perdoa a eles a vida. Será do agrado de Antonia? Mentres tanto, Roi e Uxía dan novos pasos na investigación da morte de Denís. Despois de que a participación de Ingrid e Elba no asasinato quedase desbotada, a Garda Civil centra os seus esforzos en conseguir a confesión do Matachín. Mais non tarda en chegar ao cuartel o aviso do que está acontecendo no restaurante de Peixe, e todos os efectivos marchan para alí.