Cada minuto que pasa, a situación de Santos é peor. A Garda Civil cre que está implicado na morte de Denís, sobre todo despois de saber que este fora o responsable da malleira a Constante. Santos defende a súa inocencia, pero o peor para el é pensar que Uxía xa non confía na súa palabra. A detención de Santos non supón que a Garda Civil peche a investigación. Aínda non está todo resolto, polo que Uxía e mais Roi traballan xuntos para pechar o caso o antes posible. Para Abel, Peixe e Emilia axudarlle a Santos é o obxectivo prioritario, pero antes teñen que atopar as figuras que roubaron no Pazo de Meirás. Ao mesmo tempo, Abel quere convencer a Áurea para que fuxa con el de Viladesantos, o que a ela non lle parece mala idea. A cousa cambia cando Breixo lle conta á súa irmá o que pretende facer o Matachín. Agora Áurea é consciente de que se ten que separar de Abel para poder protexelo, aínda que iso supoña romperlle o corazón.