Novacaixagalicia ten un burato de 3.091 millóns de euros, segundo un informe de expertos independentes que deu a coñecer o FROB. Aínda así, os titulares de participacións preferentes que poidan demostrar que non coñecían o produto recuperarán a totalidade do seu investimento, segundo o ministro de Economía. // Cos votos dos deputados do Partido Popular, o Parlamento rexeitou a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública. // Un informe do Real Automóbil Club sitúa en Galicia dous dos tres tramos de maior risco para a seguridade do tráfico das estradas españolas. // O grupo PSA-Citroen de Vigo anuncia unha mellora nas súas condicións contractuais a 337 traballadores da factoría de Vigo. // Luns sen fortuna para o fútbol galego de primeira. (18/12/12)